O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra celebrará a súa edición 25, coa novidade de Notametraxes 2017
A proposta musical da edición das vodas de prata de festival, incorpora á súa programación a Notametraxes 2017, unha singular iniciativa que relaciona cinema e música de jazz en vivo. Notametraxes, que será un ciclo previo ao festival, incorpora algunhas das películas de referencia para dar a coñecer algúns dos aspectos máis destacables da interacción establecida entre a sétima arte e o jazz ao longo do século pasado.
As proxeccións realizaranse Teatro Principal ás 20.00 horas e terán lugar todos os mércores entre o 24 de maio e o 14 de xuño. Notametraxes inclúe a proxección de tres longametraxes: Ascensor para o cadalso, de Louis Malle, The Soul of a Man, de Wim Wenders, e Ao redor da medianoite, de Bertrand Tavernier. Estas tres sesións cinematográficas terminarán con música en vivo a cargo do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), que ademais musicará dúas películas en vivo.