Eventos

  • 01 entroido
  • 02 feira-franca

Entroido

O entroido de Pontevedra é unha data das máis esperadas polos veciños da cidade. Supón unha semana de festa durante a cal a vergoña queda na casa e as rúas se enchen de diversión e bo humor. Ademais do desfile no que participan numerosas comparsas e grupos, o Entroido tamén inclúe un concurso de Murgas con máis de 20 anos de traxectoria, unha Noite Pirata, a Mostra da Parodia e o velorio e incineración do Loro Ravachol, a figura emblemática do Entroido pontevedrés.

 

 Semana Santa

Aínda que semelle que a Semana Santa é un fenómeno doutros puntos de Galicia ou España, o certo é que en Pontevedra tamén existe unha grande tradición en procesións. Os eventos comezan o domingo de Ramos coa procesión da ‘burriña’ e continúan durante toda a semana con concertos, representacións teatrais e diversas procesións.

 Festas da Peregrina

O segundo domingo de agosto celébrase o día da Virxe Peregrina. Dende ese mesmo sábado, a cidade é un fervedoiro de xente que acode ata Pontevedra para gozar dunhas festas deseñadas para pequenos e maiores e nas que se ofrece unha variedade de espectáculos para todos os gustos. Dous espectáculos de fogos de artificio, unha Batalla de Flores con carrozas e grupos folclóricos e sete días de música e animación gratuíta fan desta a Semana Grande das festas de Pontevedra.

 Feira Franca

A Feira Franca ten lugar a primeira fin de semana do mes de setembro. Trátase dun gran mercado medieval onde se pode atopar artesanía e gastronomía e que conta cunha recreación do transporte do viño, un torneo de loitadores a cabalo, exhibicións de cetrería, actuacións musicais e teatrais, demostracións de oficios, xogos tradicionais… Milleiros de persoas se achegan ata a cidade para gozar dunha festa na que se anima a ir vestido de época.

 Nadal

O Nadal é unha época de ilusión e Pontevedra enche rúas e prazas de iluminación e de actividades para o goce de todos. Danzas e Cantos de Nadal e de Reis, unha feira de artesanía e agasallos, carpa de xogos para nenos e unha pista de xeo son algunhas das propostas de Nadal na cidade.

e-max.it: your social media marketing partner

casa da luz

Pontevedra Film Commission

Casa da Luz, Praza da Verdura s/n
Pontevedra 36002 Spain
Tel: +34 986 100 185 ext 7465
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.