• Inicio
  • CABALO DIÑEIRO | CAVALO DINHEIRO, de Pedro Costa

Calendario de eventos

CABALO DIÑEIRO | CAVALO DINHEIRO, de Pedro Costa

Martes, 25 Abril 2017, 08:00
cavalo_dinheiro-pedro-costa.jpg

Nos longos e silenciosos corredores dun hospital, avanza a figura trémula de Ventura, posuído por un soño febril. Lembra o seu Cabo Verde natal, que abandonou na súa xuventude para se gañar a vida en Lisboa, onde, ao igual ca os seus, viviu sempre desprazado. Vitalina, que viaxou a Portugal para asistir ao funeral do seu esposo, recórdalle a Ventura unha pelexa adolescente na que este acoitelou a outro home. Na mente de Ventura ábrese un pasadizo secreto entre a Lisboa actual e o 25 de abril de 1974. Mentres a revolución ruxe nas rúas, a xente busca a Ventura, perdido no bosque.

PREMIOS

Premios Locarno 2014 (mellor dirección), Atenas 2014 (mellor filme), Mar del Plata 2014 (mención especial), IBAFF 2015 (mellor filme), Cine PE Festival do Audiovisual de Brasil 2015 (mellor dirección, guión e fotografía), Munich 2015 (mellor filme estranxeiro), Filmadrid 2015 (Premio especial da Competición Internacional).

PEDRO COSTA

Pedro Costa (Lisboa, 1959) é seguramente o cineasta portugués contemporáneo máis importante. Sendo mozo, abandona os seus estudos de Historia para ingresar na Escola Superior de Teatro e Cinema, onde recibe clases de António Reis, un histórico do cinema portugués e influencia confesa do director. O seu debut en 1989 con O sangue atrae a atención da crítica internacional por un uso innovador da linguaxe cinematográfica que remite a grandes autores da historia do cinema como Robert Bresson ou Nicholas Ray. Cinco anos máis tarde, con Casa de lava, Costa aproxímase por vez primeira á comunidade de inmigrantes caboverdianos de Lisboa, un interese que xa non abandona ao longo de toda a súa carreira, en filmes como Ossos, Xuventude en marcha ou No cuarto de Vanda, premiada en Cannes, Locarno, Yamagata ou Cinéma du Réel. Nos últimos anos participa en filmes colectivos xunto a Apichatpong Weerasethakul, Chantal Akerman, Víctor Erice ou Aki Kaurismäki (O Estado do mundo, Centro histórico) e dedícalle á cantante francesa Jeanne Balibar o documental Ne change rien, o seu único filme estreado en España até a data. Agora, NUMAX Distribución ofrécelles aos espectadores españois a posibilidade de gozar de Cabalo Diñeiro, obra cumio que sitúa a Pedro Costa como un dos meirandes cineastas do noso tempo

Cabalo diñeiro | Cavalo dinheiro
Pedro Costa, 2014, Portugal
103 min., VOSG
 Localización 

Teatro Principal (Pontevedra)

Rúa de Paio Gómez Chariño, 6
36002 , Pontevedra (España)

casa da luz

Pontevedra Film Commission

Casa da Luz, Praza da Verdura s/n
Pontevedra 36002 Spain
Tel: +34 986 100 185 ext 7465
Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.